advertisement

Animais lendas crenzas-Galicia

60 %
40 %
advertisement
Information about Animais lendas crenzas-Galicia
Education

Published on March 1, 2014

Author: iesasorey

Source: slideshare.net

advertisement

OS ANIMAIS Lendas-crenzas GALICIA

ANIMAIS DOMÉSTICOS

ABELLA Simboliza a alma e a resurrección. Cando as almas volven da Lúa fanno en forma de abella, por iso se di “O que mata unha abella ten cen anos de pena”.

BURRA Transformación das bruxas que se lle aparece aos camiñantes nocturnos. Se montan nela levaraos polos riscos máis perigosos e alonxados do destino.

BURRO É unha das formas nas que se encarna o Diaño Bulreiro. Para os mariñeiros ver un burro é sinal de boa pesca.

CAN DOENTE/CAN DANADO Se morde a unha persoa esta debe mirarse nunha pía de auga dunha fonte: se ve o reflexo da cabeza do can en lugar da del é que lle contaxiou a rabia. Para preservarse del e doutros animais hai un responso a San Silvestre: “Aí ven San Silvestre Coa súa camisiña veste. Cos sus anxeliños todo sete, Que nos libre do bicho e da serpente, De un can rabioso, De unha mallada E dun can danado”.

GALIÑA Algunhas almas en pena e algúns xenios malvados imitan o cacarexo das galiñas. Para escorrentalos hai que dicir “Pasa, cousa mala, pasa; San Xoán bendiga a nosa casa Cunha palanca por riba da casa” As meigas tamén poden tomar forma de galiña. Cando a galiña canta coma un galo anuncia desgraza na casa, a presenza dalgún ser maléfico ou alma en pena. O caldo feito con galiña negra é beneficioso para as parturentas.

GALO Todos os galos poñen un ovo na súa vida. Do ovo dun galo de sete anos nace un basilisco ou unha serpe. Se nace unha serpe e o que a ve primeiro é o home da casa anúncialle boa sorte. Se a ve a muller morre nese ano. Os galos sobreviven ao asolagamento nas cidades, por iso se oen cantar en determinados días no fondo das lagoas..

GATO Animal no que se transforman as bruxas ou os seus demos familiares. Se un gato corre pola casa sen parar é sinal de vento. Se lava a cara anuncia chuvia ou unha visita inesperada. Tragando pelos de gato contráese epilepsia e comendo o que el probou contráese asma. Tocando os gatiños acabados de nacer cóllese a tiña. Atopar un gato de cor negra trae mala sorte ou é un mal agoiro. Os gatos teñen sete vidas. Matar un gato negro é agoiro de morte.

ANIMAIS SILVESTRES

ABELLÓN É unha das formas que adoitan as meigas ao transformárense. De aí o refrán “O que mata un abellón ten cen anos de perdón”.

ALACRÁN/RALO (Grilo-toupeira) É un insecto de cor castaña que vive debaixo da terra e ten unha cabeza enorme e patas dianteiras para escavar. Aliméntase de vermes e larvas de insectos e, ocasionalmente, de raíces. Di que é moi prexudicial e velenoso e que mata coa súa picadura a persoas e animais. Os nenos adoitaban matalos a pedradas e recitaban “Picadura de alacrán, busca cura e sacristán” “Se che pica o alacrán busca viño e busca pan, que mañán de enterrarán”

AMEIXA/LONGUEIRÓN Cando unha ameixa ou longueirón están apegados a unha pedra adiviñan a morte do mariscador. Lorena Novoa Rodríguez

ANDORIÑA ANDURIÑA É un paxaro que anuncia a primavera. Leva a sorte á casa onde aniña. Din que son moi respectadas porque lle quitaron co su peteiro as espiñas da coroa a Cristo. Cando voan baixo anuncian que vai haber néboa ou chuvia.

ARAÑA Se ten patas longas pode ser unha bruxa. Para lle facer fronte hai que dicir “Arrenégote bruxa que en min non te metes”. Hai a crenza de que son moi velenosas, tanto o contacto como o aire. Se a araña pasa sobre unha prenda causa o coxo que fai dano a quen a poña. Se lle pica a un can no fuciño mátao de súpeto. -Cando as arañas se agarran é que vai chover. -A tea de araña empregábase para cortar as hemorraxias. Iria Fontán Luís

AVELAIONA Curuxa do souto, paxaro da morte. Anuncia a morte. “Se a avelaiona laia, prepara a mortalla”.

AVELAÍÑAS Bolboretas nocturnas que rondan polas luces. Poden ser almas. As de cor branca anuncian boas novas e son almas agradecidas polas oracións para liberalas do Purgatorio. As negras agoiran tristes acontecementos e imploran axuda.

BALEA Din que só hai unha balea no mar. Pare cada cinco anos e cada vez que pare unha filla as mulleres preñadas corren grave perigo. A balea ven á terra a morrer e a súa filla substitúea. Esta lenda ten relación co Leviathan, monstruoso animal mariño símbolo do mal, que aparece na Biblia.

BARBANTESA/PONTONESA/PATARRESA/PARRAGUESA É un insecto que segrega unha substancia coa que constrúe uns casulos (rumeallos) que se empregan para curar a tos e darllos aos ruminantes cando non rumínan.

BOLBORETAS Poden ser almas. As almas redimidas toman forma de bolboreta branca e as que andan en pena de bolboreta negra. En moitos lugares ás bolboretas brancas chámanlle pombas e noutros bandeiras das ánimas.

DONICELA CACHARREIRA CAZOLEIRA Din que a donicela é un mamífero velenoso e o seu veleno produce un efecto instantáneo (“Se te morde a donicela, busca camisa para a terra”). Morde sempre no pescozo ás súas víctimas e atráena as roupas vermellas. Se a donicela morde ás vacas ou cabras nas ubres, deixan de dar leite. Din que concibe pola orella e pare pola boca. Antes vivían nas casas coas persoas e facían de gatos, pero escachaban a louza e botáronas das casas. Viven preto da xente e se escoitan falar mal delas parécelles mal e perséguente para castigarte (pódeche sacar os ollos).

CANGREXO Cando un cangrexo queda en fronte dunha persoa coa panza para arriba é que lle pide a morte.

CARRIZO CARRIZA TINQUE PITORREI É o pai de todos os demais paxaros que fan niño e quen lle ensinou a facelos. É de mal agoiro molestar a un carrizo, pódeser ter un accidente, caer un raio na casa e ata perder o dedos da man. Se un neno come os seus ovos queda enano e se lle toca ás crías colle a tiña. Só se pode matar o día de Aninovo. Se un carrizo canta pola dereita indica que veñen boas novas e, se o fai pola esquerda, malas. Para esconxurar o mal de ollo nunha casa cóllese un carrizo e pásase en cruz sobre persoas e animais e logo sóltase. Din que axudou á Sagrada Familia cando fuxía de Herodes dicíndolle aos soldados “Tin, tin, por aquí nada vin”.

CHASCO Paxaro maldito que non se come porque a metade pertencelle ao demo. Din que delatou á Sagrada Familia cando fuxía de Herodes dicíndolle aos soldados “Chas chas, por aí ben vas”.

CÍNEFES CABALEIROS DO REI ARTURO As moreas de cínefes que saen da lagoa da Antela (A Limia) son os exércitos encantados dos Cabaleiros da Táboa redonda. Mario Fernández Varela

COBRAS CÓBREGAS As cobras nacen de ovos que as súas nais deixan no monte e están cheos de veleno; se unha persoa os come pode morrer. Tamén nacen dos pelos de muller se se deixan en auga durante nove días nun recipiente pechado, ou do ovo dun galo de sete anos. Fan moitas maldades, son inimigas dos homes e menos das mulleres; enfeitizan aos paxaros e gostan moito do leite. Din que maman dos ubres das vacas e cabras. Tamén poden mamar do peito das mulleres e métenlle a punta do rabo na boca do neno para que non chore.

COBRAS Poden medrar indefinidamente. Non só é mala a súa picadura senón tamén o seu aire e a súa sombra. Do seu unto fanse remedios para o reúma, a ciática… Cando se vai para o mar da mala sorte falar de cobras. Se se nomean sen querer dase unha patada no fondo da embarcación para desconxurar.

CONGRO Peixe maldito por desobedecer á Virxe María que lle mandou que non pelexara coa pescada. Hai un descomunal na ría do Ferrol que se parece ao monstro do Apocalipse.

CORVO Animal de mal agoiro. Se se xuntan sobre unha casa ou perseguen grallando a unha persoa avisan de morte. Tamén é un dos disfraces do demo. Din que os corvos axudan a desencantar tesouros porque perseguen á serpe que o garda.

CUCO Paxaro que adiviña os anos que vai tardar en casar quen lle pregunta: Cuco, cuco, rabo de zorra, Cantos anos faltan Para a miña voda? -Ou tamén: Cuco que está no outeiro Cantos anos me das de solteiro? -Pode adiviñar os anos que vas vivir Cuco-rei, cuco-rei Cantos anos vivirei? -O cuco resposta cantando e hai que contar o número dos seus cantos. Hai que preguntarllo pola mañán, en xaxún, na primavera ou no verán.

CUCO -Din que o cuco da mala sorte (chámanlle capar). Para evitalo hai que almorzar antes de saír da casa ou levar algo de prata no peto. O cuco anuncia a chegada da chuvia cando canta con voz narnexa: “Cu-cú, tapa-o-cú, tapa-o-cú”. Se canta seguido é sinal de bo tempo (Canta o cuco, tempo enxuto). Anuncia a chegada da primavera: “Entre marzo e abril, ou o cuco, ou a fin”. Din que o cuco é no inverno gabían e no verán transfórmase en cuco, por eso no inverno non se ve. Outros din que pasa o inverno en forma de rula. Tres meses de gabián, Tres de tecelán, Tres de cuco, Tres de zapateiro No alto dun sabugueiro.

CURUXA É un dos paxaros da Morte. Forma que adoptan os ananos para anunciar a morte dunha persoa. Tamén é a forma que adoptan as bruxas e asóciase co demo. Entra nas igrexas e bebe o aceite das lámpadas. Poden predecir o mal tempo “Curuxas na carballeira, caldeiros á pingueira”.

FORCADELA/CADELA LAVADA/CADELA DE FRADE/CADELA LARETA É un pequeno insecto con dous apéndices no abdome en forma de forcada ou tesoura. Din que é moi perigosa, entra polo oído, perfora o tímpano cos seus ganchos e introdúcese no cerebro causando dor, tortura, loucura e a morte.

FORMIGAS É a forma que toman as almas para peregrinar despois da morte, cumprindo co que non fixeron en vida. Poden ir así a Teixido e outros lugares.

RATO RABISACO (leirón) Vive nun buraco no Castro Grande (entre Cerdedo e Forcarei). Dise que en noites de lúa chea, contra á medianoite, asoma o rabisaco despertando do seu letargo invernal, vai dando saltos e no último acada a lúa onde se nos representa a súa imaxe e vaina comendo, por iso a Lúa mingua.

GRILOS Hai tres castes: os reis, de cor branca ou amarela e cun R marcado nas ás; os príncipes, cun P marcado nas ás, que se levan para a casa en gaiolas para que canten; e os carboeiros, que son negros e traen mala sorte. Se colles unha grila, que ten tres rabos en vez de dous, pola noite convértese en alacrán (ralo). Se un grilo escapa na casa devora toda a roupa. Se un grilo caseiro canta fóra da gaiola é aviso de morte (seguramente sexa un carboeiro).

LAGARTO O aire e a mordedura de lagarto son velenosas. Tamén son velenosas as roupas que se puxeron a tender e sobre as que pasou un lagarto; o seu veleno causa a pezoña, ronchas esparexidas polo corpo que imitan a forma do animal. Cando un lagarto morde a unha persoa non a solta ata que que toquen sete campás e orneen sete burros. Son inimigos das mulleres, con so velas prodúcelles unha forte dor de cabeza, por eso as perseguen. Din que tamén se lles meten pola vaxina. Son amigos dos homes e cando durmen avísanlle da presenza de cobras. Para curar as cambras (contracturas musculares que producen moita dor) usábanse pomadas feitas con unto de lagarto ou facíanse cruces sobre a pel coa punta da fouciña mollada no seu sangue. Queimábanse lagartos como remedio contra a seca.

LAGARTO DE DÚAS COLAS É gardián do Tesouro e adiviñador. Poñéndoo sobre area ou fariña escribe cos rabos uns números que se corresponden co premio maior da lotería. Tamén sabe se unha moza vai corresponder ou non a un mozo.

LAVACÚ, CABALO DO DEMO Lavan o cú na auga e son tan velenosos que din: -“Se te morde un lavacú, busca táboas para o teu ataú”.

LAVANDEIRAS A lavandeira ou paxaro da neve socorreu a Cristo cando estaba na cruz levándolle unha pinga de auga no peteiro. Xesús agradeceullo concedéndolle o poder de facer feliz á rapaza que lle bote por riba unha pinga de auga na mañanciña de San Xoán.

LOBO O lobo vive tres meses de carne, tres de aire, tres de barro e tres de folgazán. Fascina coa mirada, causa embazamento, aparvamento. Se o lobo te ve sen que o vexas, ficas mudo. Se sentes o lobo antes de velo, venche o arrepío (cando alguén leva os pelos levantados dise “Seica viches o lobo”). O mellor remedio é velo antes de que te vexa, daquela perde o seu poder. Non pode andar nin atacar máis ca de noite. Ve no escuro e fuxe da luz, do lume e da música. Coa súa mirada obstrúe o fogo das escopetas e as balas non lle dan, non se pode matar de fronte. Só pode comer a metade esquerda das súa víctimas.

LOBO BRANCO É un gran lobo que ouvea máis forte que os outros. Anuncia a morte dunha persoa.

LONTRA En Tirán (Moaña), dabaixo de cemiterio hai unha cova que chega ata o monte dos Remedios habitada por unha lontra xigante, animal peludo con garras e fortes dentes que rompía os aparellos e comía á xente. A cova énchese de auga coa marea. Unha vez un grupo de mozos e mozas entraron nela e viron ao fondo un resplandor vermello.

MORCEGO É un rato con ás e sen ollos. O seu sangue é moi velenoso. Se se lle fai beber a alguén mátao ou vólveo parvo. Se un morcego entra no cuarto trae mala sorte e é mal agoiro.

MOSCAS Poden ser bruxas. Cando son animais verdadeiros abondan tanto porque son as palabras saídas da boca do Demo Maior (Satanás). As bruxas fan o reparto das moscas unha vez ao ano. Entran nas casas porque San Fernando lles abre a porta. “San Fernando, moscas ao gando”

MOUCHO Ave da morte. Transformación das bruxas ou dos ananos para anunciar a morte. Cando se sae para o mar da mala sorte falar de mouchos. Se se nomean sen querer dase unha patada no fondo da embarcación para desconxurar. Eu ben vir estar o moucho enriba daquel penedo. Non che teño medo, moucho, moucho, non che teño medo. Eu ben vir estar o moucho Enriba dun acio de uvas. Vaite de aí, morte negra, Desamparo das viúvas.

PAPORRUBIO PISCO PEIFOCO PAIFOQUE PEIZOQUE PAPOCOLORADO Paxaro que, xunto coa anduriña e a lavandeira axudou a Cristo na cruz quitándolle as espiñas da cabeza. Manchouse co sangue e por iso ten o peito rubio. No tempo en que os animais falaban, cando non se coñecía o lume na Terra, reuníronse os paxaros en consello e acordaron buscar un voluntario para ir ata o Sol e traer o lume, unha misión moi arriscada. Ofreceuse o pisco e alá foi. O Sol deulle o lume pero advertiulle da posibilidade de facer a viaxe en balde se se queimaba. Xusto no final da viaxe comezáronlle a arder a plumas do peito, pero chegou coa candea ardente. Os paxaros en agradecemento acordaron darlle cadansúa pluma, agás a curuxa, que se negou e, desde aquela, está condenada polos demais paxaros a voar só pola noite.

PEGA/PEGA NEGRA Un dos paxaros que anuncian a morte: se se ven varias xuntas sobre unha casa, se peta nos vidros coas ás, se voa á esquerda ou se gralla do mesmo lado.

PERICO Con este nome coñécese ao raposo ou ao carneiro (encarnacións do diaños bulreiros e de trasnos).

PERNILEIRO Paxaro da morte propio da Limia. Cando canta di: “morer, morrer”.

PESCADA É un peixe que leva na cabeza un óso coa imaxe da Virxe en premio á súa obediencia, bondade e fidelidade por María.

PINCHORRA, PÍNTEGA, SALAMÁNTIGA Din que é un animal velenoso que se che morde, cuspe ou bota o bafo produce o mal da pezoña e reprodúcese na pel unha figura como ela. Unha vez un rapaz perdeu unha perna por poñer un zapato con unha píntega dentro. Resisten vivas o lume. Cando medran sáelles cuncha e transfórmanse en sapoconchos. Cando saen ás estradas é que vai chover.

POLBO É un animal que nos gosta moito comer aos galegos. É forte, voraz e decidido e pode acadar un gran tamaño. Coas súas ventosas agarra a quen o ataca e arrástrao ao fondo do mar. Cando se come polbo non se debe beber auga, pois os anacos reúnense de novo no estómago e reconstrúen ao animal. Pódese mesmo estoupar e non hai remedio. Non se pode comer polbo os meses que non teñen erre (de maio a agosto). As embarazadas non poden comer polbo; se manchan a cara co aceite o neno nacerá con manchas na pel. “Mentres canta o cuco, non comas raia nin pulpo”.

POMBA Forma que adoptan as almas cando saen dos corpos e mesmo mentras andan en pena. Nalgúns casos falan e piden misas pola súa salvación.

RA DAS QUENTURAS, RA DE SAN ANTÓN, ESTROZA Serve para preparar un filtro de namorar. Atravésase cun pau afiado e déixase secar ao sol. Logo móese ata convertela e po e mestúrase cun líquido no que se ferveran viño, allo, romeu… e dáselle á persoa que se queira namorar. Ten un efecto inmediato.

RAPOSA/O Recibe moitos nomes: Leonardo, Milmañas, Pedro, Alfonso, Renarte, Zorro, Golpe, Xan… Son como o demo ou o trasno: astutos, intelixentes, pillabáns, sagaces, engadadores, tramposos e difíciles de cazar. Se se ve o macho antes do almorzo, dá boa sorte. Se se ve a femia anuncia desgraza. Se berra de noite ou rí, anuncia un morto na parroquia. Os que os ven padecen rouquén. Cando non se poden cazar os curas esconxúranos.

SAPO Os demos e demiños poden tomar forma de sapo. Algunhas bruxas teñen varios sapos ao seu servizo (parece que nacen das relacións entre o demo e as bruxas). Os sapos comen terra, son velenosos e pezoñentos e causan o aire de sapo. O mexo de sapo é tamén pezoñento e contamina todo o que toca. Se che toca nunha man ou calquera outra parte do corpo fórmaseche unha espulla coa forma do sapo, mesmo pode secar a man e caer. Tamén din que che mexan nos ollos. Se se toca o corpo coas mans onde mexou sáeche coxo (erupcións na pel) e para curalo hai que pousar codia de pan centeo torrada sobre a parte afectada. Cando os sapos se fan vellos sáelles unha cuncha no lombo e convértense en sapoconchos. Din que o sapo lle cambiou á teipa o rabo polos ollos e que ten unha frauta que toca polas noites. Pode vivir anos sen comer, dentro dunha pedra.

SAPO -Ver moitos sapos xuntos anuncia treboadas. De cada unha das pingas gordas de auga que caen no chan nunha treboada de verán nace un sapo. -Cando se sae para o mar da mala sorte falar de sapos. Se se nomean sen querer dase unha patada no fondo da embarcación para desconxurar. Os sapos empréganse para facer esconxuros. As bruxas usan graxa de sapo nos seus bebedizos. Tamén se empregan para causarlle mal ás persoas: se se quere que a persoa morra, métese o sapo nunha ola cun papel que leva escrito o nome da víctima; tápase cunha badana e, segundo vai esmorecendo a vida do sapo, tamén vai esmorecendo a persoa. Se empalamos un sapo e o poñemos ao sol pensando nunha persoa concreta, segundo vai secando o sapo, seca a vida da persoa. Para causar dano a alguén cóllese un sapo e méteselle na boca algunha prenda de roupa desa persoa, mentras o sapo a teña na boca, a persoa anda doente. As mulleres levaban ao pescozo unha bolsa con dous sapos vivos para prever as hemorraxias posparto. Tamén protexen contra as bruxas. Despois substituíronse cunha bolsa en forma de sapo cun esconxuro no interior e con amuletos en forma de sapo.

SAPOCONCHO Cando o sapo ou a pinchorra se fan vellos sáenslle no lombo unhas cunchas e convértense en sapoconchos. Rodrigo de la Paz

VACALOURA CABRALOURA ESCORNABOIS É un escaravello moi coñecido en Galicia. O macho ten dous grandes cornos que se empregan como amuleto contra o meigallo, o mal de ollo ou de envexa e os aires. Lévanse no peto ou atados aos pulsos. Nalgúns lugares, para curar o mal de aire, meten os cornos da vacaloura nun recipiente de barro cheo de auga dunha fonte que nunca secase e lavan ao doente unha vez ao día durante nove días. Din que as femias (garruchas) aforcan aos pitos coas mandíbulas.

XOANIÑA PAPASOL AVELAIRIÑA CARRABOUXO COSTUREIRA MARIQUITIÑA PATASOL REIRREI Insecto que ten o sol por señor. Os nenos encárganlle o bo tempo poñéndoo na man e deixánoo voar mentres lle cantan “Papasol, papasol, vai e dille ao teu señor que trai cincuenta días de sol” e sempre cumpre o encargo. Pode adiviñar os anos que che quedan de vida preguntándolle Reirrei Cantos ano Vivirei?

BIBLIOGRAFÍA “Diccionario dos seres míticos galegos”. Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa, Xosé Miranda. Ed Xerais, 1999. “Cambados. A tradición oral”. Colexio Público Castrelo, Cambados, 1980. “Ritos y creencias gallegas”. Xesús Taboada Chivite. Ed. Sávora, 1982. 1º ESO Febreiro 2014

Add a comment

Related presentations